Versión en castellanoEnglish version

Jako el Muzikante, o pícaro buscavidas do café aman

“Ven al Luna Park”, primeiro traballo discográfico de Jako el Muzikante, alter ego do artista galego Xurxo Fernandes, xa dispoñible en Spotify

Estamos en tempos convulsos e, ás veces, en tempos convulsos xorde entre as cinzas unha nova linguaxe estética. Logo da II Guerra Mundial, en Xapón, o butō traduce en danza a reflexión tras o desastre nuclear. A Guerra de Independencia, o regreso ao absolutismo e a complicada loita de España por abandonar o Antigo Réxime inspiran a Goya para crear as súas Pinturas Negras. Nos baixos fondos de cidades portuarias gregas, tras o traumático desmembramento do Imperio Otomano, aparece o rebétiko, declarado en 2017 Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco.

Precisamente nese ambiente nace o personaxe de Jako el Muzikante: nos café aman, alí onde los descastados se daban encontro. Cafés onde o café estaba prohibido pero onde o haxix era cotián. Cafés onde se citaban os gregos nacidos na Anatolia occidental (Turquía deportaría despóis máis dun millón de persoas) ou os turcos nacidos en Grecia (medio millón mais tarde serían forzados ao exilio), algúns deles xudeus de orixe sefardí, que tiñan o ladino ou djudeo-espanyol como lingua materna, con armenios, con eslavos… Neses cafés de hai un século se fraguaba unha incipiente globalización, en canto pervivían as raíces das súas respectivas identidades, na mesma hora, permeables.

Jako el Muzikante, o dandy sefardí, o pícaro buscavidas do café amán, malvive cantando en bodas e en fiestas de bar mitzvah, á vez que furta o que pode aos seus entretidos e bébedos clientes no café. Co paso do tempo esas melodías caen no esquecemento pola complicada situación que os seus intérpretes atravesan. Pero non todas se perderían: algunhas daquelas pezas foron recuperadas da memoria dos descendentes daqueles sefardís. Suficientes para gravar un disco dunha calidade estética excepcional, traendo á vida, un século despois, aquelas cancións, que conectan tan ben coa nosa realidade e os nosos anhelos de hoxe en día.

Xurxo Fernandes, o artista creador do proxecto e que encarna a Jako, entra en contacto a comezos do milenio co mundo sefardí nun encontro casual nun aeroporto cun grupo de búlgaros que, curiosamente, falaban unha sorte de español. O impacto en Xurxo da historia vital destas persoas, cuxos ancestros mantiveron o idioma no exilio desde a expulsión dos xudeus de España a finais do século XV, fará que investigue viaxando a Israel e Turquía, para buscar o que queda desa cultura e de, precisamente, os seus últimos momentos de esplendor artístico durante o Imperio Otomano: o repertorio de principios do século XX. Xurxo aplicaría o mesmo espírito inquisitivo que xa puxera na música tradicional galega (desde os 14 años dedicouse a percorrer as aldeas de Galicia para encontrar quen lle ensinase a cantar) a esta nova paixón. De tal xeito que, na actualidade, é o único artista novo capaz de falar e escribir ladino con fluidez (unha peza do disco, do repertorio de Rosa Askenazi, foi traducida polo propio Xurxo do grego ao ladino), con esa mistura de castelán medieval, palabras turcas e galego-portuguesas e influencias francesas, típica do idioma na vertente do Mediterráneo oriental.

Ven al Luna Park é o primeiro traballo discográfico do proxecto. Trátase dun libro con disco, con abundante documentación e referencias sobre os temas, producido polo propio Xurxo Fernandes, escrito en ladino, inglés e rashí (ladino escrito en alfabeto hebreo), que supón o primeiro proxecto de recuperación da música urbana dos xudeus de orixe peninsular. A música está xa dispoñible en Spotify. O título do traballo, que é tamén o da peza homónima, fai referencia á expresión “Luna Park”, que significa un lugar pracer e diversión, en idiomas tan diversos como o polonés, o holandés ou o turco (o Luna Park orixinal fundouse en Coney Island, en 1903). Gravouse na Coruña, en Nakra Studios, con Wafir Shaikheldin (Sudán) no ud, a violinista Andrea Samek (Hungría), o percusionista catalán Alexandre Guitart, o memorable contrabaixista de jazz madrileño recentemente falecido José Luis Yagüe, Georgi Yanev «Yoro” (Bulgaria) ao clarinete e as colaboracións de Antía Vázquez Pantín, Eduardo Bolaños, Guillermo Reiriz e Paco Ulloa.

“A band that fired up the audience in moments of pure happyness.» El Watan
«A mind-blowing show… A glorious, terrific very entertaining concert» Fernando Íñiguez, Radio 3-RNE